Cando
Lourenzo, que era un gato negro moi fermoso e co pelo moi brillante,
quixo ir visita-la súa moza, a gata Requintada, que era unha gatiña
branca de pelo moi dondo e cuns bigotes moi longos e moi tesos, atopouse
con que non sabía o camiño. Así que foi ve-lo seu amigo Xan Cadelo
para que Ile axudase a atopa-lo camiño que o levaría ata a casa na que
vivía a Requintada.
Mira Lourenzo díxolle Xan Cadelo, eu non sei
se debes emprender ese camiño. Seríache mellor que lle mandases unha
carta e que ela che saíse á feira de Grandor e alí acordabas con ela
o casamento.
Nada diso protestou Lourenzo a proposta do seu
amigo, eu quero ila ver á súa casa, que fóra xa a vin moitas veces.
Agora quero ir aló e coñece-la súa familia. E se o camiño ata o seu
domicilio é longo e difícil, mellor, así verá que vai casar cun gato
valente e ousado.
De nada valeron as razóns que Xan Cadelo
lle deu coa arela de facelo desistir da súa teima. Visto que non había
outro remedio, esplicoulle debidamente o camiño e mesmo lle fixo un
plano nun papel para que non se perdese.
Para o outro día, pola fresca, botouse
Lourenzo ó camiño. A pé, e dando grandes alancadas, en pouco tempo
púxose nas lindes do País do Inverno, que segundo o que Xan Cadelo lle
dixera era país de moito coidado para pasar un só. Pero nada hai que
poida parar un gato decidido, ousado e namorado.
O País do Inverno era unha grandísima
devesa, mesta e impoñente. Aínda así, Lourenzo meteuse nela sen
pensalo dúas veces e con paso decidido.
Non levaba moitos metros devesa adentro,
cando empezou a orballar. Lourenzo pensou que se todo canto lle podía
pasar era ter que atravesa-lo País do Inverno orballando arreo, non lle
poñía medo o conto por moito que digan que os gatos lle temen á auga.
Do orballo do comenzo do camiño polo
interior da devesa, logo pasou a un chover forte. Un pouco máis adiante
atopou con que o río ía moi cheo e xa levara a pontella pola que tiña
que pasa-lo gato segundo estaba sinalado no plano. O noso amigo deu
volta e encamiñouse río arriba na procura doutra ponte máis grande
que, polo dito por Xan Cadelo, tiña que haber. Por alí podería atravesa-lo
río.
O caso é que, antes de chegar a tal
ponte, pillouno a noite, e era tan escura que Lourenzo non atinaba cos
camiños e botaba tempo e tempo andando e desandando, con perigo de se
perder de seguir a tentas pola devesa. Era cousa de procurar un lugar
para durmir e como comezaba a ter frío, debería meterse nun abrigo
para pasa-la noite e tamén facer un pouco de lume para se quentar.
Cando deu cun acobillo que lle pareceu
apropiado, polo arredor non deu atopado uns poucos carabullos enxoitos
para o lume e, aínda por riba, cando botou man ós mistos, estaban
mollados coma a lama e non acendían. Enfurruñado foise sentar nun
recuncho da covacha para ver de descansar un pouco antes de que chegase
o día. Alí engruñado non era quen de durmir, porque estaba tan aterecido de frío e tocando dente con dente, que o propio ruído da
súa dentamia lle impedía adormecer.
Cando veu o día Lourenzo tiña tanto
frío que case non podía nin move-las pernas. Mal que ben, foise pondo
de pé e colleu o camiño cara á ponte. El sabía que a ponte marcaba o
medio e medio da devesa e que, seguindo o que di o famoso xogo, nunha
devesa só podes entrar ata a metade, porque de alí en diante o que fas
xa é saír. E iso significaba que pouco lle faltaría para chegar á
casa da Requintada.
Ademais, como botara o máis da noite
desperto, tivera ocasión de escoita-la lobería ouvear toda a noite coa
fame, e isto a un gato dálle moitos azos para tentar de se afastar do
lugar o antes que poida.
Despois dunhas horas de camiño andando
pola lama, porque non parara de chover en toda a noite, chegou Lourenzo
á ponte. Pasouna entre vento e frío, e cando chegou ó outro lado
atopouse con que o País do Inverno estaba totalmente cuberto pola neve.
As pozas estaban xeladas. O gato caeu de cu coa sorpresa, pero como
sempre fora un gato animoso e non lle viraba a cara ás amoladuras por
fortes que fosen, non sei de onde, pero tirou azos novamente, e botou a
andar pola neve adiante. As patas do animal espetábanse enteiras no
chan nevado e o camiñar facíase penoso e difícil.
Con vento, con neve, con frío,... seguiu horas e horas andando o gato
pola devesa adiante. Xa se facía outra vez noite, cando
Lourenzo observou que ó lonxe se albiscaba o remate do País do Inverno,
así que apretou o paso, xuntando tódalas forzas que lle quedaban no
corpo, para dar saído o máis axiña que puidese da devesa.
Con noite pecha chegou o noso gato á
casa da súa moza, a gata Requintada. Chamou á porta. Mandárono pasar
e déronlle cama ó pé do lume, onde durmiu moitas horas arreo.
Cando se ergueu e se lavou un pouquiño,
como se lavan sempre os gatos, díxolle á súa moza moi resolto:
Hoxe ti e mais eu casamos,
e aquí a vivir quedamos.
Porque eu quero mellor
ir andando a Nova Iork
que atravesar ese inferno
que chaman País do Inverno. |
|